martes, 21 de agosto de 2007

BICÉFALUS, Sechu Sende

Viaxando en dirixíbel
navego en solitário
arredor do mundo.
Guian-me os soños e os pesadelos
guia-me a búsola oxidada
De Xosé o Viaxeiro. Ser dous
é a miña maldición;
o meu camiño a bifurcación.
Busco a babor a paz,
o terror a estribor.
E para todas as cousas teño dous nomes:
o meu dirixíbel: Hoxe e Moby Dick;
o meu peito: Peito e Penélope.
A miña viaxe levou-me aos volcáns,
ao Leviatán, afora do tempo,
ao interior dos homes e os animais,
e o oráculo de Tebas anunciou-me
que no embigo dunha muller
encontraría o numero de ouro,
o equilibrio, o amor
"O seu nome é Cynthia de Santa Lucia".
Mirei-me no espello sen espello
duas veces,
lembrei que os poetas falaran dela,
Propércio, Dereck Walcott,
e collín o leme de Moby Dick
-rumo ás Antillas-
como o home primitivo,
a machada amigdaloide.
Con sede de amor
e de morte no mesmo corazón
cheguei a Cynthia,
Cynthia, veño polo teu amorte.
Ela non soubo en que ollos
deitar o medo e o noxo,
Monstro, berrou.
Subi-na a bordo,
Debo matar-te, dixen eu.
E eu debo evitá-lo, dixen eu .
Subi-na a bordo, digo,
E axeonllei-me:
Decapita-me, roguei
e dei-lle a espada.
Pero saltei sobre Cynthia
e biquei-lle os ollos
e arrinquei-lle os labios de vez,
amando-a e odiando-a a un tempo.
Bicéfalus, berraba o meu peito
ensanguentado, nunca
poderás amar, Bicéfalus,
aprende na dor a ser
un monstro
pois naceches con duas cabezas,
duas bocas e catro ollos;
duas formas de ollar
na túa única sombra eterna.

Odiseas, 1998

3 comentarios:

avantehermético dijo...

Saudos a Sechu, este tras case dez anos segue sendo un dos poemas preferidos de Odiseas (edi. Letras de Cal).
Gracias a miultimodia polo escaneo.

Anónimo dijo...

É um dos meus preferidos.
Um mito.

Diana dijo...

A verdade e que é un poema moi bonito :D
Un bico, primo, e felices festas ;)